Joomla Files Webdesign Erfurt
Header Pic   Header Pic
Header Pic  PfeilInicio arrow Regulamento interno Header Pic
Header Pic

Regulamento interno PDF Imprimir E-Mail

 Regulamento de réxime interno

Club Deportivo Allariz


Índice

1. Introdución

2.  O Club

3.  Órganos de goberno(xunta directiva)

4. Organigrama

5. Cargos e funcións

6. Réxime disciplinario

7. Disposicións finais

 


1. Introdución

1.1 O presente regulamento pretende crear un conxunto de normas, obxectivos, funcións e criterios de funcionamento do Club de Fútbol chamado Club Deportivo Allariz aplicando o establecido nos Estatutos da Entidade e no réxime xurídico correspondente actualmente en vigor.

1.2 Ámbito de aplicación


1.2.1 O presente regulamento obxecto de aplicación nos seguintes ámbitos:

1.2.1.1 Nos deportistas inscritos no club dende a formalización da súa inscrición ata a súa baixa.
1.2.1.2 A todo o persoal técnico do Club.
1.2.1.3 A tódolos pais/nais dos alumnos/as dende a inscrición do seu fillo/a ata a súa baixa no club, naqueles aspectos que lles sexa aplicable.
1.2.1.4 O persoal auxiliar do club e a todas aquelas persoas ou entidades que por calquera motivo e temporalmente formen parte do Club.
1.2.1.5 Nas instalacións deportivas nas que o Club realice a súa actividade ben sexa o Complexo deportivo de Vilanova, O Portiño ou a cidade deportiva do Seixo.
1.2.1.6 En calquera instalación deportiva, local ou edificio ou espazo onde se despracen os compoñentes do Club na súa totalidade ou en parte, ben sexa de xeito esporádico ou de maneira habitual para realizar actividades deportivas.
1.2.1.7 Será aplicable durante o tempo ordinario da actividade deportiva, segundo as previsións do calendario de cada equipo.
1.2.1.8 Durante todo o ano naquelas actividades complementarias que estean baixo a responsabilidade o supervisión dos técnicos do Club ou do persoal contratado polo mesmo.


1.2.2 O presente Regulamento de Réxime interno poderá ser modificado previa proposición por escrito de calquera membro do Club e aprobada por acordo da súa Xunta Directiva en sesión ordinaria.

2. O Club

2.1 O Club Deportivo Allariz rexerase no seu funcionamento polos seus Estatutos e polo Regulamento de Réxime Interno onde se establecen os Obxectivos Xerais así como as funcións que determinan a súa estrutura participativa e o Organigrama que se expón no capítulo 4 do presente regulamento.

2.2 O obxectivo xeral do Club de Fútbol Allariz e a práctica deportiva e a formación progresiva e integral dentro da práctica do fútbol afeccionado.

2.3 Establécense dentro dos obxectivos xerais do Club conceptos tan importantes para a educación integral dos xogadores como o compañeirismo, o respecto, a educación, deportividade e as boas maneiras tanto nos adestramentos como nos partidos oficiais ou amigables. 

2.4 A creación dun ambiente agradable e disciplinado dentro do Club permitirá un aumento satisfactorio no desenvolvemento das persoas que compoñen o colectivo.

2.5 A formación deportiva, física, técnica, táctica e estratéxica óptima establecerá o nivel competitivo dos equipos que participen nas competicións oficiais nas que se atope inscrito o Club Deportivo Allariz.

2.6 Unha planificación integrada considerando as distintas idades no fútbol, a complexidade do proceso evolutivo, o crecemento intelectual, así como a progresión técnica dos xogadores levaranos a creación de deportistas que gozaran coa práctica do seu deporte favorito.

2.7 Corresponderá o Club a través da súa Xunta Directiva, resolvela interpretación e todas aquelas cuestións que non se atopan previstas no presente Regulamento.


3. Órganos de Goberno

3.1 Estrutura
 3.1.1  O Club, de conformidade ó establecido nos seus Estatutos, contará cos seguintes órganos de goberno:

  a) Colexiados: Asemblea Xeral e Xunta directiva.
  b) Unipersoais: Presidente, Vicepresidente e Vocal.

3.2 Principios de actuación

 3.2.1 Os órganos de goberno velarán para que as actividades do Club se desenvolvan de acordo co ideario do mesmo, co obxecto de facer posible a efectiva realización dos fins previstos.

 3.2.2 Os órganos de goberno do Club garantirán, no ámbito da súa competencia, o exercicio dos dereitos recoñecidos ós deportistas, técnicos, e auxiliares así como a pais, nais, e velarán polo cumprimento dos deberes correspondentes. Asómesmo, favorecerán a participación efectiva de tódolos membros do Club na vida do mesmo, na súa xestión e na súa avaliación.

 3.2.3 No seo da Xunta Directiva poderase constituír un comité de Disciplina, ó que corresponderá por delegación daquela, a resolución dos expedientes incoados pola comisión de feitos que poidan ser conceptuados como falta grave ou moi grave. Dito comité estará composto polo presidente do club ou persoa en quen delegue, e integrado por un representante dos Coordinadores Deportivos ou Técnicos e un membro da Xunta Directiva.

4. Organigrama

4.1 O Club Deportivo Allariz a través da súa xunta directiva establece o funcionamento dos seus equipos no seguinte organigrama.

4.2 Corresponde a Xunta Directiva o nomeamento e cese do cargo de director deportivo do Club Deportivo Allariz.

  4.3 Tamén e a proposta do Director Deportivo, corresponderá a Xunta Directiva o nomeamento e cese de todos aqueles Cargos que compoñen o organigrama do Club.

5. Cargos e funcións

Director Deportivo

5.1 O cargo ten por obxecto establecer un responsable dedicado fundamentalmente ós aspectos deportivos que afecten directa ou indirectamente ó Club Deportivo Allariz.

As funcións serán:

5.2 Propoñer a Xunta Directiva o nomeamento e cese dos cargos deportivos que compoñen o organigrama do Club.

5.3 Planificar as competicións nas que participe o Club e dirixir os grupos de traballo que formen os equipos.

5.4 Programar as actividades que se desenvolvan.

5.5 Representar os intereses do Club naqueles estamentos que a Xunta Directiva estime oportuno.

5.6 Convocar e presidir as reunións de traballo cos adestradores e delegados.

5.7 As funcións que dentro do ámbito da súa función lle fosen encomendadas pola Xunta Directiva.

Coordinador Deportivo

a) Coordinará a execución material da programación que se estableza na tempada.

b) Formará parte con voz e voto das Comisións Disciplinarias que se establezan.

c) Redactará informes de aspectos deportivos que así o requiran e avaliará los fundamentos técnico – tácticos dos xogadores.

d)Participara activamente no control e seguimento da labor que desempeñan os adestradores axudándoos en todo o posible. Incluso deberá organizar as sesións dos técnicos ausentes. 

e) Poderá expoñer aspectos relativos a melloras no funcionamento da súa área deportiva.

f) Será responsable do cumprimento das normas de convivencia por parte de tódolos compoñentes da sección así como velar polo puntual cumprimento do horario establecido.

g) Disporá con rapidez das medidas axeitadas para que se atenda a deportistas enfermos ou accidentados.

h) Organizar e supervisar reunións, charlas, adestramentos especiais etc.

i)  Velar polo aproveitamento óptimo dos recursos materiais asignados.

j) Facilitar a organización dos deportistas e impulsar a súa participación no Club.

k) Os coordinadores serán designados pola Xunta Directiva e cesarán ó producirse algunha das circunstancias seguintes: renuncia propia, finalización do acordo subscrito coa Xunta Directiva e por decisión desta.

Adestradores

5.1 Os adestradores deportivos son aqueles membros do Club que desenvolven a función  docente no ámbito deportivo e os seus obxectivos orientáranse a realización dos fins educativos e deportivos establecidos no ideario do Club.

5.2 A designación ou cese dos adestradores corresponde a Xunta Directiva ou a proposta do Director Deportivo.

5.3 Dereitos dos Adestradores

a) Dereito a exercela súa función dentro do respecto ó ideario do Club, nos equipos ou traballos que se lle asignen.
b) A ser informados por quen corresponda dos asuntos competencia do Club en xeral e a eles en particular.
c) A ser tratados con corrección e respecto polo resto de estamentos e integrantes do Club.
d) A empregar os medios materiais e instalacións do Club para cumprir os fins do mesmo e con referencia as normas que regulen o seu uso.
e) A presentar peticións, suxerencias e queixas de orden deportivo, formuladas por escrito, diante dos Órganos Unipersoais e Colexiados.

5.4 Deberes dos Adestradores

a) Elaborar a planificación anual das actividades ó seu cargo e unha vez aprobada polo coordinador e directiva desenvolver e cumprir con esa programación.
b) Participar,salvo causa xustificada en tódalas reunións e actividades programadas  dende o Club e nas que sexa convocado.
c) Manter no aspecto persoal e no técnico deportivo unha conducta digna e respectuosa co ideario do Club, cos seus membros e cos deportistas.
d) Desempeñar con competencia, exactitude e puntualidade as tarefas e actividades correspondentes. Manterá tamén a disciplina dentro e fora do Club.
e) Atender ás consultas dos deportistas, estimular o seu esforzo e favorecer a súa convivencia e o desenvolvemento de tódolos valores sinalados no ideario do Club.
f) Aplicar o réxime disciplinario do Club no seu ámbito ou establecer un réxime de sancións interno no seu equipo acordes coas faltas cometidas e previa aprobación do Director Deportivo ou Coordinador.
g) Atender as consultas dos Pais co fin de compartir a tarefa educadora.
h) Cumprimentar o diario de adestramentos e os aspectos técnicos así como os referidos a asistencia e o comportamento dos deportistas.
i) Manter limpo e ordenado o espazo deportivo e coidar en perfecto estado todo tipo de material deportivo empregado. Tamén debe custodiar as súas fichas e o material.
j) Cumprir a normativa establecida polos Coordinadores en canto a programas, metodoloxía, criterios de avaliación, obxectivos mínimos.
k) Levar sempre o equipamento deportivo axeitado a actividade da que se trate.
l) Manter a disciplina dentro e fora do Club.

Deportistas / Xogadores
O obxectivo fundamental dos xogadores será o de formarse como deportista,  persoa humana, social e moralmente a través da práctica do fútbol.
Dereitos
a) O deportista ten dereito a recibir unha formación que asegure o pleno desenvolvemento da súa personalidade.
b) Todos teñen dereito as mesmas oportunidades de acceso ós distintos niveis deportivos. Non haberá máis limitacións que as derivadas do seu aproveitamento o das súas aptitudes para o deporte.
c) Todos os deportistas teñen dereito a que se respecte a súa integridade física e moral a súa dignidade persoal, non sendo obxecto de vexacións físicas ou morais.
d) Teñen dereito a que a súa actividade deportiva se desenvolva en condicións de seguridade e hixiene axeitadas.
e) Tódolos membros do Club están obrigados ó respecto dos dereitos dos deportistas que aquí se establecen.

Deberes
a) Asistir ós adestramentos previamente establecidos debidamente equipados para a práctica deportiva de que se trate, esforzándose e obrigándose a aprender e mellorar en tódolos aspectos.
b) Asistir ós partidos ós que sexa convocado coa equipación deportiva que lle sexa facilitada polo club. Sendo o equipamento deportivo o principal elemento identificador, os xogadores están obrigados a levalo.
c) Ademais de levar o equipamento deportivo, procurarán sempre que o seu aspecto sexa aseado e hixiénico.
d) Deberán xustificar as ausencias a adestramentos e partidos, debendo comunicarllo ó adestrador coa debida antelación- un mínimo de dous días antes da celebración do adestramento ou partido- salvo causas de forza maior-.  Considéranse motivos xustificados: Enfermidade, motivos familiares, motivos docentes, outros que se establezan. Sen embargo non son xustificados os non incluídos nos anteriores ou a práctica doutras actividades.
e) Terán o deber de chegar puntuais a hora indicada ben sexa en  adestramentos, partidos, actos é en xeral as tódalas citacións ás que sexan convocados.
f) Coidarán o material deportivo do Club e as súas instalacións facendo un uso axeitado e correcto dos mesmos.
g) Devolverán en perfecto estado a equipación que lles sexa facilitada cando se lles pida.
h) Deberán comportarse con corrección e respecto en adestramentos, partidos ou desprazamentos, ben sexa con outros deportistas, compañeiros, árbitros, adestradores e con calquera outra persoa relacionada coa actividade deportiva.
i) Comprometerse o desenvolvemento da actividade deportiva durante toda a duración da tempada, sen prexudicar os intereses deportivos do seu equipo.
j) Deben intentar crear un vínculo de amizade cos compañeiros do grupo ó que pertenza. Ademais teñen que esforzarse para conseguir o máximo nivel deportivo,

individual e colectivo.
k) Deberán manter o respecto as normas de convivencia dentro e fora do Club respectando a todo o persoal do club, sen discriminar a ninguén por razóns de sexo, raza ou calquera outra circunstancia, respectando tamén o ideario do Club e o presente regulamento de réxime interno.
l) Participarán e colaborarán activamente co resto de membros do Club co fin de facilitar a preparación deportiva e a convivencia dentro do Club.

Os Delegados

a) Nos equipos que poidan dispoñer de delegado este será dependente directo do adestrador e a súa función principal será a de colaborar en todas aquelas funcións que se lle especifiquen.
b) Colaborará naquelas funcións có adestrador considere pertinentes.
c) Representará ó equipo nos partidos que dispute sendo enlace entre o adestrador, o Club contrario e o árbitro.
d) Velará polo bo funcionamento e polo cumprimento do presente Regulamento de Réxime Interno.
e) Informará de calquera anomalía ou aqueles actos que afecten ou poidan afectar a boa marcha deportiva do Club e do equipo ó que represente.
f) Deberá acudir a cantas reunións sexan convocadas polo Directo Deportivo ou Coordinador mantendo contactos periódicos para coñecer a marcha do equipo ou grupo.

Familiares e titores

a) A inscrición dun deportista no Club supón o coñecemento e a aceptación por parte dos pais e titores do tipo de actividade que oferta o Club, e, en particular, están comprometidos a respectar o ideario e demais normativa do mesmo así como procurar que os seus fillos a respecten.
b) Os pais teñen dereito a ser informados suficientemente da marcha deportiva e o comportamento dos seus fillos.

Deberes

1. Deberan animar, axudar e colaborar en todo aquilo que favoreza a boa marcha do club; que son unha parte importante e necesaria para o bo funcionamento do fútbol.

2. Procurarán favorecer a participación activa dos seus fillos evitando castigalos por medio do fútbol xa que a superación e a continuidade neste deporte depende en grande medida da súa colaboración. Buscarán outros recursos que non prexudiquen ó xogador, ós compañeiros, ó club e o equipo contrario sendo aconsellable o diálogo co Director deportivo, coordinadores ou adestrador.

3. Absteranse de empregar un vocabulario pouco axeitado ou actitudes pouco correctas de cara ós árbitros, adestradores e xogadores propios e contrarios tanto nos partidos como nos adestramentos ou en calquera lugar onde estea representado o club.

4. Facilitarán e apoiarán a labor dos adestradores e delegados do equipo, xa que de todos e sabida a súa dedicación e desinterese en tan complicada tarefa.

5. O comezo de cada tempada facilitarán os datos identificativos e autorizacións que lles solicite o Club.

6. Terán prohibido o acceso os vestiarios e as zonas técnicas reservadas so para xogadores, delegados e adestradores.

7. Evitarán ó máximo posible comentarios técnico – tácticos ós adestradores e xogadores tanto en partidos como adestramentos podendo sempre animar e aplaudir calquera actuación por moi deficiente que sexa.

 

6. Réxime disciplinario

Definición
a) A presente normativa será de aplicación a tódolos xogadores do club.
b) Os membros da Xunta Directiva en xeral, o Director Técnico, Coordinador e adestradores en particular, porán especial coidado na prevención das actuacións disciplinarias presentes nesta normativa, mediante o contacto e colaboración constante.
c) Sen prexuízo de accións posteriores, os adestradores poderán tomar as medidas que considere pertinentes para mantela orde dentro do equipo, comunicándollo con posterioridade ó Director Técnico ou Coordinador.

Infraccións
As faltas poderán ser:
 Leves
 Graves
 Moi graves

Son faltas leves:
• Faltas inxustificadas de puntualidade.
• Faltas inxustificadas, non reiteradas de asistencia a adestramentos e partidos.
• A non comunicación ó seu adestrador de calquera anomalía ou falta de asistencia a adestramentos e partidos sen a suficiente antelación (mínimo dous días antes da cita), salvo casos extremos.
• A actitude pasiva en adestramentos e partidos.
• A falla de respecto ó seus compañeiros ou adestrador que se cometan en adestramentos, partidos ou desprazamentos ou con xogadores contrarios, árbritos etc.
• Os actos de indisciplina, inxuria ou ofensa non graves.
• Calquera acto inxustificado que altere levemente ó normal desenvolvemento das actividades do Club.

Son faltas graves:
• As faltas inxustificadas reiteradas de asistencia a adestramentos e partidos.
• A reiterada e continua falla de respecto con compañeiros ou adestrador, así como calquera comportamento incorrecto e falto de respecto de carácter grave nos partidos, adestramentos, desprazamentos ou con contrarios, árbritos etc.
• Os actos de indisciplina, inxuria ou ofensa grave ós membros do Club e outros en prexuízo da imaxe do Club.
• A agresión física a membros do Club ou doutros clubs, así como ós árbritos, espectadores etc.
• A reiterada e sistemática comisión de faltas leves nunha mesma tempada.

Son faltas moi graves:

• Os actos de indisciplina, inxuria ou ofensa moi graves contra os membros do Club ou outros en deterioro da imaxe do Club.
• A agresión física moi grave a membros do Club ou doutros clubs, así como ós árbritos, espectadores etc.
• Será falta moi grave cometer tres faltas graves durante unha mesma tempada.

Sancións

Pola comisión das faltas enumeradas anteriormente imporanse as seguintes sancións:

a) Por faltas leves poderase impoñer algunha das seguintes sancións atendendo as circunstancias de cada caso:
a. Amoestación privada.
b. Amoestación por escrito que será comunicada ós pais.
c. Suspensión da práctica deportiva por un tempo non superior a 8 días.
b) Por faltas graves:
a. Aviso, no caso de continuas faltas inxustificadas de asistencia, no que se incluirá un informe detallado do adestrador correspondente para ser estudado polo Coordinador. 
b. Suspensión do dereito a práctica deportiva por un período de tempo non superior a 15 días.

c) Por faltas moi graves:
a. A perda do dereito a práctica deportiva por un período entre 30 días e unha tempada deportiva.

* A Xunta Directiva poderá acordala readmisión do xogador previa petición e trala reunión de tódalas partes implicadas(adestrador, pais, coordinador etc). Ademais da comprobación dun cambio positivo de actitude.

Competencia para a imposición de sancións

a) O adestrador, por delegación da Xunta Directiva e do Director Deportivo ou Coordinador, será o encargado de establecer as sancións para as faltas clasificadas

como leves, dando conta ós seus superiores.
b) No caso de faltas graves ou moi graves constituírase un comité de disciplina composto por membros da xunta directiva, o director deportivo ou coordinador e o adestrador que acordarán a sanción tras estudalo caso en reunión urxente. Abrirase un expediente con tódolos datos posibles.
c) A instrución do expediente deberá acordarse no menor prazo posible e en todo caso non superar os dez días, dende que tivera coñecemento da falta.
d) Posteriormente chamarase ó xogador e se e menor de idade ós seus pais comunicándolles as faltas que se lle imputan e a proposta de sanción acordada por escrito.
e) A Xunta Directiva á proposta do Comité de Disciplina poderá decidir o archivo e sobresemento do expediente sancionado.
f) No momento de decidir a resolución do expediente disciplinario, e a efectos de graduala la aplicación das sancións que procedan, terase en conta as circunstancias persoais, familiares e sociais do xogador.
g) A resolución do expediente deberá producirse no prazo máximo dun mes dende a data de iniciación do mesmo.
h) As sancións impostas poderán ser recorridas diante da Xunta Directiva.

7. Disposicións finais

7.1 Os presente regulamento de réxime interno entrará en vigor a partir da data da súa aprobación en Asemblea Xeral.
7.2 As modificacións deste Regulamento aprobaranse por Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva.

 
Header Pic
left unten right unten
© 2010 Web oficial de CD Allariz
Joomla! es Software Libre distribuido bajo licencia GNU/GPL.

W3C validiert